Tuesday 14 de May de 2024

Concello e entidades constitúen a mesa de seguimento para desenvolver a normativa que regule as vivendas de uso turístico


As entidades remitirán as súas propostas ao Concello durante as vindeiras semanas

O órgano de participación que servirá como marco de diálogo para desenvolver a normativa municipal que regule as vivendas de uso turístico quedou hoxe constituído en María Pita. O concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, Francisco Díaz Gallego, mantivo esta mañá un encontro con representantes da Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia (Rafael Serrano), Aproinco (Ángel Jove), Hospeco (Agustín Collazos Martín e Concepción Labrador Lombardía), Federación de Asociacións de Veciños da Coruña (Luisa Varela e Juan Manuel Iglesias Rey) e o Colexio de Axentes da Propiedade Inmobiliaria (Patricia Vérez e Esperanza González), unha reunión que tivo lugar despois de manter encontros bilaterais con cada unha das entidades durante as últimas semanas.

Quedou constituída, así, a mesa de seguimento na que o Concello e os distintos colectivos porán en común as súas iniciativas co fin de avanzar na elaboración dunha normativa regulatoria para as vivendas de uso turístico. Na mesa tomarán parte dúas entidades máis, o Colexio Oficial de Administradores de Predios e a Asociación de Inquilinos da Coruña, que hoxe non puideron estar presentes.

Díaz Gallego indicou que durante as próximas semanas as asociacións farán chegar as súas achegas, que se debatirán na mesa na procura dunha regulación consensuada.